|
O grupo para a
recuperación de bailes, músicas e cantares tradicionais O Fiadeiro nace no
ano 1991, co propósito de compilar, conservar e transmitir o legado cultural
dun tempo en que se viviron os «seráns» e as «foliadas», en que había
grandes bailadores de solto e de agarrado... o que permanece agora na
memoria dos máis vellos.
Fóronse sumando a este proxecto moitas persoas interesadas na cultura
popular de Galicia ata chegar en 1994 á representación da 1ª Gala "Esta
noite hai unha fía" no Auditorio Cidade de Vigo, en que se deu a coñecer o
resultado do traballo do grupo na recuperación do folclore galego.
No 1995 o grupo constitúese legalmente como Asociación baixo o nome de
Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro (A. C. F. O Fiadeiro), continuando
co labor de investigación etnográfica.
O Fiadeiro consta dunha sección de baile e outra de acompañamento, que por
súa vez inclúe un conxunto de pandeireteiras, outro de pandeireteiros e unha
charanga.
No 1998 foron creados cursos de percusión tradicional e de gaita, así como
escolas de baile, pandeireta e canto tradicional tanto para nenos como para
adultos. Estes cursos e escolas contan cada ano con máis participantes e é
asombroso ver como a xente está a cada paso máis involucrada na aprendizaxe
non só do baile ou canto senón de todo o referente ao noso folclore e
cultura.
Máis unha vez, velaquí o resultadódo noso traballo: a organización da gala
"Esta noite hai unha fía", na que se expon parte do recuperado nos últimos
traballos de investigación (véxase o sitio webwww.ofiadeiro.com).
|